Tuesday 07 de May de 2024

Os Contratos-Programa chegan a 205 centros educativos da provincia da Coruña


A liña máis demandada é a de Mellora das competencias clave, seguida da de Reforzo, orientación e apoio

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros seleccionados con contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2018/19. Serán en total 205 os centros da provincia coruñesa que desenvolvan 566 accións nalgunha das 7 liñas de actuación dos contratos-programas. No conxunto de Galicia 572 centros desenvolverán 1.623 accións dos contratos-programas.

A Consellería atenderá todas as demandas de profesorado externo adicional para desenvolver estas iniciativas contratando 96 docentes na provincia. No referido aos docentes dos propios centros coruñeses que se implican no desenvolvemento destas accións, serán un total de 132.

Segundo as estimacións, os contratos-programa chegarán este curso académico a 124.250 alumnas e alumnos da provincia coruñesa. A resolución definitiva pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.

Liñas de actuación
A través de sete liñas de traballo concretas os contratos-programa inciden en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe e articulación de respostas axeitadas, o fomento dun bo clima na aula e no centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe, a atención educativa aos colectivos vulnerables, a adquisición de competencias clave, o fomento da igualdade e a coeducación, a participación das familias ou a mellora da xestión dos centros, entre outros.

A primeira liña, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Pola súa banda, a liña 2 céntrase nas accións para a mellora da competencia matemática. O desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións para a mellora en comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

A liña 3, de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa; mentres que a liña 4 se centra na prevención do abandono educativo temperán e do absentismo escolar.

A quinta liña está orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia. Trátase dunha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado. Pola súa banda, a sexta liña está conformada por un conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

Finalmente a sétima liña de actuación ten por obxectivo o reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo. O desenvolvemento desta actuación supón a creación de grupos de reforzo da competencia matemática, da competencia en comunicación lingüística e/ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. En todo caso, priorizarase a competencia matemática.